Proxecto de difusión dos valores ambientais e arqueolóxicos dun enclave da Rede Natura 2000 - ZEC Macizo Central.
O Concello de Larouco, xunto co respaldo económico da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, teñen promovido diferentes actuacións de posta en valor do monumento catalogado de «O Castrillón».
Entre outras accións realizáronse diferentes escavacións arqueolóxicas e de musealización que puxeron ao descuberto un fantástico poboado da Idade do Ferro.
Para mellorar o seu coñecemento entre a poboación local e visitante procedeuse a balizar unha ruta de visita e instalar diferentes paneis interpretativos.
Segue lendo para saber mais do Castrillón.
Coas actuacións agora propostas preténdese complementar aquela actuación cunha visión ambiental do lugar, determinando que masas arbóreas, arbustivas, etc. merecen ser conservadas e promovidas e integradas no itinerario de visita, fronte aquelas outras especies autóctonas como variedade de piñeiros.
De tal modo que futuros traballos de roza e limpeza do lugar teñan unha cartografía de detalle do lugar e o patrimonio natural poda ser igualmente integrado dentro da ruta interpretativa.
O Castrillón aporta os valores do seu ecosistema mediterráneo ao ZEC Macizo Central
Rede Natura 2000
A Rede Natura 2000 é un proxecto da Unión Europea para a conservación da biodiversidade.
Trátase da maior rede coordinada de espacios naturais protexidos do planeta, con áreas en todas as rexións europeas.
As áreas protexidas son polo xeral de pequeno tamaño, e atópanse baixo a presión de actividades ou infraestruturas humanas.
Con todo, a Rede Natura non pretende illar completamente estes espazos da sociedade, senón darlles un valor produtivo sustentable.
A Rede Natura 2000 distribúese en Zonas de Especial Conservación (ZEC) e Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA), declaradas segundo os hábitats naturais e especies senlleiras ou en risco de extinción presentes nelas.
ZEC Macizo Central
O Macizo Central ocupa unha extensa área montañosa escasamente poboada que conserva importantes ecosistemas moi variados, e que polo tanto gardan unha grande biodiversidade.
Así, nesta área podemos atopar hábitats de alta montaña, prados, ríos, bosques atlánticos e mediterráneos e outros ecosistemas nos que se desenvolven múltiples especies senlleiras adaptadas a eles, algunhas en perigo.
A presenza destas especies e a biodiversidade dos seus ecosistemas son as razóns polas que o Macizo Central está protexido.
Como primeiro paso na inclusión da Rede Natura 2000, o Macizo Central foi proclamado Lugar de Interés Comunitario (LIC) en 2004.
Finalmente o Decreto 37/2014, que aprobou o plan director da Rede Natura 2000 en Galicia, declarou as súas 46.983 ha. Zona de Especial Conservación (ZEC).
Mapa xeral do ZEC Macizo Central
Larouco no ZEC Macizo Central
Neste traxecto atravesa a comarca de Valdeorras, unha zona de marcado carácter mediterráneo con invernos fríos, veráns moi cálidos e secos, e outonos e primaveras suaves.
Neste enclave atopamos o sur do concello de Larouco.
A razón pola que Larouco pertence ao ZEC Macizo Central está por tanto na presenza de especies mediterráneas capaces de desenvolverse nesas condicións climáticas.
Aciñeiras, oliveiras, sobreiras, cantroxos e xaras dan sustento e acubillo a unha fauna que non ten presenza noutras partes de Galicia, como a lagarta colirrubia, a araña touro ou o abellaruco.
Todas estas especies conviven con outras máis comúns, e orixinan unha biodiversidade merecedora do recoñecemento e protección da Rede Natura 2000.
No mapa apréciase que o río Bibei delimita o Macizo Central polo nordés ata a súa desembocadura no Sil.
Visitas escolares ao Castrillón
CEIP Manuel Respino
22 de marzo de 2023









IES Cosme Rodríguez
23 marzo 2023















Guías didácticas
- Descarga a guía didáctica do Castrillón (caderno do alumnado).
- Descarga a guía didáctica do Castrillón (caderno do profesorado).
O Lombo da Antiga
O Lombo da Antiga é un outeiro veciño de O Castrillón, e como el pertencente á Rede Natura 2000 ZEC Macizo Central.
O outeiro de O Castrillón, visto dende o Lombo da Antiga, álzase entre os cañóns dos ríos Xares e Bibei
Valores naturais do Lombo da Antiga
A contorna do Lombo da Antiga, como o concello de Larouco e toda a comarca de Valdeorras, ten un clima mediterráneo que permite o desenvolvemento de especies típicas destas áreas.
Como en toda a zona, as especies vexetais presentes no Lombo da Antiga son propiamente mediterráneas.
Así, pódese atopar érbedos (Arbutus unedo), xaras (Cistus ladanifer) e sobreiras (Quercus suber). É moi significativa a ausencia de aciñeiras (Quercus ilex) neste lugar, debido quizais a razóns edafolóxicas.
Atopamos tamén romeu (Rosmarinus officinalis), tomiño (Thymus vulgaris) e outros vexetais adaptados aos rigores do clima mediterráneo predominante en Larouco.



En canto á fauna do Lombo da Antiga, podemos atopar réptiles como lagarta colirrubia (Acanthodactylus erythrurus), insectos como araña touro (Macrothele calpeiana) ou carricanta (familia Cicadidae), mamíferos como raposo (Vulpes vulpes) ou xabarín (Sus scrofa) e aves como abellaruco (Merops apiaster), ferreiriño real (Parus major), ferreiriño dos piñeiros (Periparus ater), miñato (Buteo buteo) e ata aguia real (Aquila chrysaetos).



Miradoiro do Lombo da Antiga
Para chegar ata o Lombo da Antiga podes descargar este mapa en formato GPX.
Tamén podes ver un mapa na seguinte imaxe.




