Noutro tempo, cando a aldea estaba ateigada de xente e en todas as casas se facía viño, na vendima uns veciños axudábanse aos outros, compartindo un único propósito: encher as súas covas e adegas de mosto e uvas. Cando esta remataba, facíase a Robla, unha xuntaza na que se come, bebe e canta para celebrar que por fin o duro traballo e a época máis importante do ano chegou a bo fin. A día de hoxe, para os que facemos viño, a vendima e os días posteriores segue sendo un momento trepidante, onde a emoción e o cansazo mestúranse en cada depósito que se enche e na que a axuda de todos os que nos rodean segue sendo fundamental. O vindeiro 14 de outubro, 4 adegueiros de Seadur imos celebrar a nosa Robla, comeremos, cantaremos e daremos a probar os nosos viños. Gustaríanos que viñeses.
